O Consello Superior de Deportes concede unha subvención de case 140.000 euros para as obras do Municipal

Pontevedra
13 de setembro 2022

O proxecto do Concello de Pontevedra foi o segundo mellor valorado de entre as 14 propostas presentadas a esta convocatoria, destinada a financiar actuacións de accesibilidade e en infraestruturas deportivas relacionadas coa celebración de competicións de carácter internacional

Obras de instalación da nova superficie de xogo do Pavillón Municipal dos Deportes Concello de Pontevedra

As obras de reforma do Pavillón Municipal dos Deportes recibiron un forte respaldo da man do Consello Superior de Deportes (CSD), ao conceder unha importante subvención ao Concello de Pontevedra.

En concreto a administración local recibirá 139.771 euros por parte do CSD destinados á rehabilitación da pista deportiva e a dotación de novas costas de acceso ao pavillón para mellorar a súa accesibilidade.

"A solicitude realizada polo Servizo de Deportes era de 256.668 euros", explica o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, dentro dunha convocatoria especialmente destinada ao financiamento de actuacións de accesibilidade e en infraestruturas deportivas relacionadas coa celebración de competicións de carácter internacional.

"A proposta presentada por Pontevedra foi a segunda con mellor valoración de entre as 14 presentadas", afirma o edil.

O proxecto de mellora do Pavillón Municipal dos Deportes, actualmente en execución, contempla a renovación da pista de xogo, o pavimentado do foxo perimetral, o rectificado das costas existentes e dos finais laterais, así como a renovación da varanda perimetral e a marcaxe regulamentaria da pista para balonmán, fútbol sala, baloncesto e voleibol.