O Consello de Administración do Pontevedra reelixe a Lupe Murillo como presidenta

Pontevedra
21 de abril 2021

O Estadio Municipal de Pasarón acolleu durante a tarde do martes unha reunión do Consello de Administración do club granate para elixir presidente

Lupe Murillo na presentación da campaña de socios 20/21 do Pontevedra CF Mónica Patxot

Lupe Murillo foi reelixida como presidenta do Consello de Administración do Pontevedra Club de Fútbol.

O órgano directivo do club granate reuniuse á primeira hora da tarde do martes no Estadio Municipal de Pasarón, tras renovar Murillo o seu asento como conselleira na recente Xunta de Accionistas da entidade polo próximos cinco anos.

Tratábase dun paso obrigado, tendo en conta que o Consello quedou sen presidente ao finalizar o anterior mandato, e ese era o motivo principal da reunión.

A pesar da presenza no mesmo de tres membros do grupo opositor á súa xestión, Murillo fixo valer os seus maiores apoios para saír reelixida como máxima dirixente da entidade.

Lupe Murillo, na súa intervención ante os accionistas o pasado día 12 de abril, avanzou que "aínda queda moito por facer" no seu proxecto para o club, reafirmando o seu compromiso de que "xamais deixarei un euro máis de débeda do que me atopei".