O Congreso Iberoamericano de Psicoloxía do Deporte recala en Pontevedra

Pontevedra
01 de outubro 2024

Persoas de 18 países tomarán parte do 15 ao 18 de outubro neste congreso, que defende a importancia da psicoloxía no deporte tanto a nivel de elite como amateur ou de mantemento. Participarán grandes especialistas na materia como Isabel Balaguer, psicóloga do tenista español Carlos Alcaraz

Presentación do noveno Congreso Iberoamericano de Psicoloxía do Deporte Concello de Pontevedra

Entre 250 e 300 persoas de diversas nacionalidades tomarán parte do 15 ao 18 de outubro no noveno Congreso Iberoamericano de Psicoloxía do Deporte, que por primeira vez acollerá Pontevedra.

A Boa Vila convértese este ano en sede dun evento bianual que pasou previamente por cidades como Guadalajara (México), Bogotá (Colombia), Torrelavega (España), Sao Paulo (Brasil), San Juan (Porto Rico), San José (Costa Rica), Santiago de Chile e Monterrey (México).

"Serán catro días moi intensos nos que virán persoas de 18 países", destacou na presentación do congreso o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do máximo responsable do evento, o profesor Joaquín Dosil.

O obxectivo do congreso é desenvolver e promocionar a área da psicoloxía vinculada á actividade física, exercicio e deporte, a todos os niveis, un aspecto que gañou "moita máis visibilidade dende 2021 con Simon Biles, que tal vez posicionou no mapa a psicoloxía do deporte, pero tamén con tenistas, nadadores ou futbolistas como Iniesta", destacou Dosil.

Contará con grandes especialistas entre os que destacan Isabel Balaguer, psicóloga do tenista español Carlos Alcaraz, o mexicano Tomás Trujillo, o cubano Luis Gustavo González, o chileno Alexi Ponce ou a brasileira Regina Brandao.

As actividades levaranse a cabo nas facultades de Educación e Deporte e na de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus universitario pontevedrés.