O Concello inicia o pago de máis de 190.000 euros aos clubs de Pontevedra

Pontevedra
18 de abril 2020

O tenente de alcalde, Tino Fernández, levará o vindeiro luns á Xunta de Goberno a súa proposta de resolución definitiva da convocatoria de subvencións correspondente ao período 2017-2018, o que permitirá empezar a pagar de maneira inmediata aos 60 equipos beneficiarios cun 30% dos 300.000 euros consignados

Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de deportes PontevedraViva

Os efectos económicos da pandemia polo COVID-19 están a mitigarse aos poucos nos clubs deportivos da cidade.

Despois do desbloqueo das axudas, chegou o momento de pagalas. Para iso, o tenente de alcalde, Tino Fernández, levará o vindeiro luns á Xunta de Goberno a súa proposta de resolución definitiva da convocatoria de subvencións correspondente ao período 2017-2018, o que permitirá empezar a pagar de maneira inmediata aos 60 equipos beneficiarios cun 30% dos 300.000 euros consignados, o que supón un total de 90.000 euros destas axudas.

Así mesmo, o Concello tamén ordenou o pago do 70% restante das axudas correspondente ás Escolas Deportivas Municipais (EDM) do exercicio 2018-2019, o que se traducirá nunha inxección de 91.400 euros. 

Segundo explica o concelleiro de deportes, estas subvencións xa se están abonando, polo que "algúns clubs xa as percibiron e os demais recibiranas de maneira inminente". 

En canto aos pagos das EDM de 2019-2020, Fernández avanza que esta semana asinará o expediente e espera que "a convocatoria destas axudas, que se incrementarán nun 76% con respecto ás de 2018-2019, pode publicarse nun prazo duns 20 días".

Outro dos pagos que realizou a Concellería de Deportes, foi o adiante dun 30% das cantidades previstas para a organización do Medio Maratón de Pontevedra e o Open Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo. Desta maneira, tanto a Sociedade Ximnástica como o Mace Sport, xa cobraron 4.200 e 4.500 euros respectivamente.

Por último, en relación coas axudas anuais do período 2018-2019, o Servizo Municipal de Deportes ten practicamente terminada a redacción das bases da convocatoria, sinalan dende o goberno local.