O Concello convida a centros e docentes a celebrar o Día da Educación Física na casa

Pontevedra
25 de abril 2020

Esta iniciativa consistirá na planificación dunha xornada na que se mostre a Educación Física en confinamento baixo a coordinación de docentes de EF e propoñendo a mesma actividade virtualmente noutros colexios e institutos

Cartel do día da Educación Física na Casa
Cartel do día da Educación Física na Casa Colef Galicia

Con motivo da conmemoración do décimo aniversario do Día da Educación Física o vindeiro martes 28 de abril, e a pesar das dificultades expostas polo confinamento, o Consello Xeral da Educación Física e Deportiva e o colexio oficial galego, non queren renunciar a celebrar esta data como se merece.

Por iso, decidiron substituír os actos convocados no principio do ano por unha acción conmemorativa desde casa que implique ao alumnado e ás súas familias para incrementar a visibilidade da educación física.

Esta celebración, consistirá na planificación dunha xornada na que se mostre a educación física en confinamento baixo a coordinación de docentes e propoñendo a mesma actividade virtualmente noutros colexios e institutos.

O primeiro paso para participar consiste en adherir o centro educativo mediante o formularioque se facilita na ligazón da web do Colef Galicia, co fin de visibilizar un gran número de profesionais na reivindicación por máis actividade física nos centros.

A iniciativa conta co respaldo do concelleiro de deportes, Tino Fernández, que convida e anima a todos os centros educativos e docentes da educación física de Pontevedra a unirse ao programa e invadir as redes sociais con imaxes e vídeos curtos de actividade física baixo o hashtag # DEFC2020 (Día da Educación na Casa) e #DEFR2020 (Día da Educación Física na Rúa).

Trátase dunha "boísima oportunidade para reivindicar a importancia da educación física para a nosa saúde e para as nosas vidas", explica o edil do PSOE. "Por iso, temos que reivindicar o lugar que lle corresponde e encher as redes sociais coas nosas propostas, creando, innovando e montando festas telemáticas co alumnado e facelas virales".

Así mesmo, propoñen participar neste evento coa gravación de vídeos curtos, fotos nas que salga toda a familia ou facer un mosaico coas fotos dos alumnos. A única condición é que saian realizando algunha actividade física, identifiquen o autor e o centro educativo, explicar o contido do vídeo, dicir unha ou dúas palabras sobre o que lles achega a educación física e incluír os hashtags #DEFC2020 e #DEFR2020.

Por último, desde o Concello explican que se está preparando unha sesión especial de educación física para cada etapa (Primaria, Secundaria e Bacharelato), conducidas por docentes que farán un percorrido a través de varios contidos curriculares, de forma dinámica e lúdica ás que se pode unir toda a familia.

Serán a través da canle de Youtube ás seguintes horas: Primaria ás 10:00 horas, Secundaria ás 11:00, e Bacharelato ás 12:00