O cisneísta Álex Chan xogará a próxima tempada no Burgos

Pontevedra
19 de maio 2023

O xogador leva 14 tempadas defendendo as cores do equipo pontevedrés, unha traxectoria na que celebrou dous ascensos á máxima categoría do balonmán español e disputado un mundial coa selección de Estados Unidos

Álex Chan, no partido de liga Asobal entre o Cisne e o BM Logroño

A relación entre o Cisne e Álex Chan concluirá ao final da presente tempada. Despois de 14 anos defendendo os coleres da escuadra pontevedresa, o internacional estadounidense iniciará unha nova aventura no San Pablo Burgos, que milita en División de Honra Prata.

Fontes próximas ao xogador confirmaron este venres o traspaso a PontevedraViva.

Pero non será ata que termine a liga Asobal, na que o Cisne mantén aínda algunhas opcións de permanencia, cando a primeira liña pontevedrés ofreza unha rolda de prensa para explicar as razóns da súa marcha e despedirse da que foi a súa familia durante tantos anos e coa que gozou de dous ascensos á máxima categoría do balonmán nacional.

Nas últimas campañas, Álex Chan converteuse nun dos principais referentes do xogo do Cisne. Ademais, este ano en Asobal está a destaparse como un dos grandes goleadores da categoría, é o terceiro máximo realizador da competición con 159 tantos.

Así mesmo, este ano participou con Estados Unidos no mundial converténdose tamén nun dos xogadores máis destacados da súa selección.