O Cisne reforza a súa aposta na División de Honra Prata

Pontevedra
16 de xuño 2017

O club pontevedrés presentou ao seu primeiro reforzo, o central pontevedrés Alberto Casares, ademais de confirmar oficialmente o que era un segredo a voces, a continuidade de Jabato no banco. O obxectivo do club volverá ser a permanencia cun plantel na que os xogadores locais e a canteira terán protagonismo

Santi Picallo, Alberto Casares e Jabato Mónica Patxot

Ao choio púxose o Club Cisne Balonmán para configurar o equipo para o que será o seu terceiro ano consecutivo na División de Honra Prata.

O obxectivo volverá ser a permanencia na categoría reforzarndo a súa aposta, cun plantel no que os xogadores galegos e da casa terán especial protagonismo e que se reducirá a 15 integrantes para apoiarse no equipo xuvenil.

Esa idea viuse referendada no primeiro reforzo presentado polo club, o do central pontevedrés Alberto Casares, que regresa así ao club no que se formou procedente do Cangas.

"Yo me crié aquí, jugué más de 15 años en el club. Creo que es el mejor sitio donde puedo recalar", recoñeceu o propio xogador na súa presentación. A súa presenza cobre ademais unha das principais baixas do equipo, a de David Chapela que precisamente asinou polo Cangas da liga Asobal.

Casares reencontrarase así con Jabato, co que xa coincidiu como xogador no Academia Octavio, e que seguirá unha tempada máis á fronte do equipo coa promesa de "trabajar lo mejor posible dentro de que somos un club semiprofesional, no como otros", sinalou o técnico.

Con saídas xa confirmadas como a de Toño Lafuente, Camiña, o propio Chapela ou Iago Cadrado, Jabato espera reforzos para postos como o de pivote, para a primeira liña e tamén para a portería. Ademais o club traballa en pechar renovacións con varias incógnitas por motivos de estudos, como son os casos de Pablo Rey, Guille Rial ou Álex Chan.

En todo caso, recoñeceu o presidente Santiago Picallo, "intentaremos hacer un equipo lo más competitivo posible".