Comeza a traballar o Club Cisne Balonmano. O plantel do equipo pontevedrés iniciou a pretemporada este martes e volveu aos adestramentos coa mente posta nunha nova campaña, a terceira consecutiva, na División de Prata do balonmán español.
O pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolleu esta primeira sesión de adestramento, ao que acudiron os xogadores que continúan con respecto á tempada anterior.
Tamén tiveron o primeiro contacto cos seus compañeiros os catro novos fichaxes do Cisne para a nova tempada: Álex Pombo, Alberto Casares, Daniel Tolmos e Daniel Ramos.
Ademais, neste inicio da pretemporada o Cisne terá a proba a dous xogadores de nacionalidade brasileira, Igor De Souza e Guillerme Liñares. Sobre a súa continuidade decidirá o corpo técnico nunhas semanas.
O conxunto pontevedrés, que volverá estar adestrado por Javier Fernández 'Jabato', buscará repetir a notable actuación da pasada campaña e afianzarse na División de Prata.