O Cisne invoca á afección pontevedresa para lograr un posto no play-off de ascenso

Pontevedra
14 de maio 2024

O conxunto pontevedrés necesita sumar un punto na última xornada de liga para certificar a súa presenza na fase de ascenso na Liga Asobal, e por iso decidiu rebaixar o custo das entradas para o partido contra o BM Guadalajara con descontos para os socios do resto de clubs da Boa Vila

Partido de liga entre Cisne e Eón Horneo BM Alicante no Municipal Cristina Saiz

A presenza do Club Cisne Balonmán na fase de ascenso á Liga Asobal pasa polo Pavillón Municipal dos Deportes.

Os xogadores adestrados por Javier Fernández 'Jabato' necesitan sumar polo menos un punto na última xornada da liga regular para certificar a súa presenza no play-off, sen mirar ao que faga no seu partido o Trops Málaga, que se mide a un descendido Handbol Mallorca.

O equipo pontevedrés pola súa banda recibirá na súa pista este próximo sábado 18 (19.00 horas) o BM Guadalajara, equipo xa matematicamente primeiro e ascendido á máxima categoría.

Ante a transcendencia do duelo, o Cisne invoca á afección pontevedresa para recibir o maior apoio posible desde as bancadas, e faino rebaixando o prezo das entradas para o partido e ofrecendo unha promoción destinada aos socios do resto de clubs deportivos da Boa Vila.

Así o prezo das localidades para adultos fixouse en 10 euros, mentres que os socios de equipos da cidade deberán abonar 8 euros e a entrada xuvenil terá un custo de 5 euros.

As entradas poden adquirirse a través da aplicación Cluber.