O Cisne inicia a súa aventura en Prata cun plantel rexuvenecido e da casa

Pontevedra
03 de agosto 2023

O equipo branco evita marcarse o ascenso como obxectivo na primeira sesión de traballo da pretemporada, na que estiveron ausentes os internacionais Ocaña e Delgado, así como o adestrador principal Javier Fernández, que disputan o mundial coa Selección xuvenil 

Primeiro adestramento do Cisne para a tempada 2023/2024 Mónica Patxot

O novo desafío do Cisne xa está en marcha. Coas ausencias do adestrador Jabato e dos internacionais xuvenís Alberto Delgado e Carlos Ocaña, que están a disputar o mundial con España, o plantel branco volveu esta tarde ao traballo.

O segundo adestrador, Quiños, será o responsable de dirixir os adestramentos ata a reincorporación do técnico principal, que estará de volta en Pontevedra, como moi tarde, o 13 de agosto se a Selección chega á final do campionato.

"Esta semana e sobre todo a que vén é unha pouco toma de contacto. O venres faremos unhas probas físicas nunha colaboración que temos coa Universidade. Estes días servirán para coñecernos un pouquiño, a carga xa importante virá a semana que vén", explicou o preparador ao comezo da primeira sesión da pretemporada.

No apartado de fichaxes, asegura Quiños que o plantel se atopa xa practicamente pechada. "O plantel está pechado, totalmente equilibrada, salvo que apareza algún merlo branco de última hora, ao 99 % está pechada", sostine o técnico.

Con respecto ás aspiracións do equipo pontevedrés esta tempada, nin no vestiario nin na xunta directiva queren oir falar de ascenso. "O obxectivo que marca o club evidentemente é ambicioso pero tamén temos os pés na terra. Queremos salvarnos holgadamente. Nesta categoría, sobre todo agora que se reagrupa nun só grupo, ao final faltan catro xornadas e estás a catro puntos da promoción de descenso e a catro da fase de ascenso. A idea é tentar estar tranquilos canto antes e ao final ver onde nos leva", puntualiza o adestrador.

Remarca Quiños que a División de Honra Prata é unha das categorías máis difíciles e emocionantes do balonmán nacional pola igualdade que hai entre todos os equipos. "É unha categoría súper igualada, é a liga máis bonita que hai no balonmán nacional porque vas a casa do último e méteche de tres e o líder pica calquera campo. O obxectivo é facelo o mellor posible, non descartamos nada", subliña.

Un ano máis, o proxecto do Cisne vira ao redor da súa canteira, que volverá ter protagonismo nas aliñacións de Jabato. "Aquí os mozos se o gañan e tiran a porta abaixo, sempre teñen a porta aberta para estar connosco", sostén o preparador, destacando a importancia que terá este ano un dos dúas únicas fichaxes, Alberto Delgado, que terá a difícil misión de facer esquecer a Carlos Álvarez.

O pivote Rubén Etayo é a outra incorporación que realizou o Cisne, o resto do plantel está formada por xogadores que renovaron o seu contrato ou que dan o salto ao primeiro equipo desde a base. Neste sentido, este ano terán máis peso no equipo xogadores como Ocaña ou André, que terán que asumir o rol de xogadores como Chan ou Cavalcanti. Tamén teñen moitas esperanzas en Ojeda, que parece superar xa a súa grave lesión. 

Unha nova aposta decidida polo balonmán galego e de formación que, soñan no Cisne e na Boa Vila, siga dando alegrías á afección pontevedresa.