O Cisne dá a cara en Granollers pero non é suficiente (37-24)

Pontevedra
03 de marzo 2023

Os brancos foron incapaces de sobrepoñerse a un mal inicio de partido no que Granollers conseguiu un colchón de cinco tantos que os pontevedreses nunca conseguiron reducir

Partido de liga Asobal entre Granollers e Cisne Xavier Solanas / Liga Asobal

Era un reto case imposible. O Cisne tentouno pero non tivo opción de obrar o milagre. Os brancos caeron con claridade ante o Granollers, segundo clasificado, nun partido no que en ningún momento foi por diante no marcador pero que tampouco o deu por perdido ata os minutos finais nos que se disparou a vantaxe dos cataláns.

Como era de esperar, a defensa do Cisne sufriu cos ataques do Granollers, que penalizou máis aos pontevedreses con xogadas elaboradas que nas temidas transicións. E de non ser por algunhas intervencións de Kilian Ramírez, o partido quedaría sentenciado moito antes.

Pola contra, en ataque os de Javi Márquez tampouco estiveron finos e estreláronse varias veces contra os paus da portería rival, ante a que tamén desperdiciaron varios lanzamentos de 7 metros.

Comezou o partido costa arriba para os intereses lerezanos, que viron como o Granollers protagonizaba un inicio irresistible cun parcial de 5-0 do que xa ía ser imposible sobrepoñerse.

Pediu tempo morto Márquez e o Cisne reaccionou para reducir unhas distancias que ían volver a dispararse pasado o ecuador do primeiro tempo cando os locais fóronse ata os 8 tantos (14-6) obrigando ao técnico local a esgotar os seus tempos mortos no primeiro tempo.

Tras o paso por vestiarios, os pontevedreses saíron decididos a pelexar polo partido. Dúas paradas de Kilian aproveitounas Carlos Álvarez para reducir diferenzas en senllos contragolpes que achegaron ao Granollers ata os cinco puntos.

O tempo morto que pediu o adestrador local serviu para poñer as pilas aos seus xogadores, que volveron apertar o acelerados para sentenciar o choque índose ata os dez tantos de diferenza. Unha desvantaxe que fixo baixar os brazos aos cisneístas, que viron como nos minutos finais o Granollers pasáballes por encima. 

Consulta nesta ligazón todas as estatísticas do partido.