O Cisne afronta un partido "case a vida ou morte" en Cantabria contra o Sinfín

Pontevedra
17 de febreiro 2023

Os brancos visitan a un rival directo pola permanencia en Asobal, o Sinfín, este domingo ás 20 horas. Á mesma hora, o Teucro desprázase a Redondela para medirse ao SAR, último clasificado

Partido entre Benidorm e Cisne Edwin Van’t Hek / Asobal

O Cisne segue buscando unha vitoria que sirva para cortar a mala serie de resultados e que lle permita volver engancharse á carreira pola permanencia. "Temos un desprazamento complicado e un partido moi importante contra un rival directo pola permanencia", afirma Marcos Otero, Quiños, sobre o duelo previsto para este domingo ás 20 horas en Cantabria contra o Sinfín.

Os brancos xa gañaron aos cántabros na primeira volta, pero o mal momento de resultados dos de Márquez permitiu aos de Rubén Garabaya darlle a volta á situación. "Empezaron moi ben a segunda volta e distanciáronse de nós en tres puntos, de perder serían cinco", advirte o técnico deixando clara a necesidade de regresar a Pontevedra con "algo positivo".

O triunfo dos santanderinos sobre Logroño e Anaitasuna reforzou a confianza dun equipo cuxo obxectivo é o da permanencia en Asobal, polo que no vestiario cisneísta afrontan o choque "case como un partido a vida ou morte", recoñece Quiños.

"É un equipo no que todos achegan e a defensa é un baluarte", detalla o preparador a principal preocupación dun Cisne que trata de recuperar sensacións nunha segunda volta na que aínda non puntuaron.

Pola súa banda, o Teucro, despois de derrotar ao Bueu a semana pasada, afronta unha nova saída. Os azuis enfróntanse este sábado ás 20 horas ao SAR de Redondela, un rival que ocupa a última posición da clasificación con só catro puntos e ao que o Teucro debe derrotar se quere seguir escalando postos na táboa.