O Cisne afronta o sector do Nacional Xuvenil "convencidos de que se temos apoio da xente podemos pasar"

Pontevedra
25 de abril 2024

O Pavillón Municipal dos Deportes será escenario desde este venres 26 e ata o domingo 28 de abril dun dos sectores do Campionato de España Xuvenil de Balonmán, no que o club pontevedrés buscará meterse entre os oito mellores equipos do país

Presentación do sector do Campionato de España Xuvenil de Balonmán que se xogará en Pontevedra Concello de Pontevedra

O Pavillón Municipal dos Deportes será escenario desde este venres 26 e ata o domingo 28 de abril dun dos sectores do Campionato de España Xuvenil de Balonmán, no que o Club Cisne buscará meterse entre os oito mellores equipos do país.

"Vai ser difícil pero estamos convencidos de que se temos apoio da xente podemos pasar", recoñeceu na presentación do evento o presidente do club pontevedrés, Santiago Picallo, acompañado da edil de Deportes, Anabel Gulías.

"Aspiracións? Despois de ser campións de España en 2021 tentaremos estar entre os oito mellores", sinala Picallo sobre o obxectivo dunha xeración de xogadores "que nos deu moitas alegrías, porque foron campións galegos infantís, sextos de España en cadetes e agora de novo campións galegos".

Para lograr o billete á fase final do Nacional, e por tanto estar entre os oito mellores equipos do estado, o Cisne debe concluír primeiro nun sector no que se medirá ao Anaitasuna, Balonmano Águlias e ao Ciudad de Málaga.

A competición arrincará xa este venres 26 cos partidos entre Anaitasuna e Águlias (18.00 horas) e o que medirá ao Cisne co Ciudad de Málaga (20.00 horas).

En canto ao sábado ás 10.30 horas mediranse Ciudad de Málaga e Anaitasuna e ás 12.30 horas Cisne e Balonmano Águilas, mentres que a xornada final disputarase o domingo cos duelos Ciudad de Málaga-Águilas (10.00 horas) e Cisne-Anaitasuna (12.00 horas).