O ciclocrós pontevedrés inicia con forza en Xixón a Copa de España

Pontevedra
03 de outubro 2022

Aroa Otero, ciclista do Supermercados Froiz, é a primeira líder do certámen nacional en categoría junior, seguida da súa compañeira Uxía Soto, mentres que a marinense Irene Trabazo asinou un cuarto posto na carreira elite

Uxía Soto, Aroa Otero e María Filgueiras na Copa de España de Ciclocrós en Xixón Federación Galega de Ciclismo

Positivo inicio para o ciclismo pontevedrés na Copa de España de Ciclocrós, competición que xa mira cara á proba internacional que acollerá a Illa das Esculturas o vindeiro sábado 8 de outubro.

O certámen nacional levantaba o pano a fin de semana en Xixón, nun circuíto rápido debido á climatoloxía, ao estar completamente seco.

Nel destacou a actuación das ciclistas de categoría júnior, cun podio íntegro de aroma pontevedrés.

A vencedora foi Aroa Otero, ciclista do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, que enfundou a camisola de líder e que a lucirá por tanto na carreira da casa o próximo día 8. Aroa superou á súa compañeira de equipo Uxía Soto e a María Filgueiras, do XSM marinense.

Ademais na categoría cadete feminina a vencedora foi Lorena Patiño (XSM de Marín). O club marinense sumou ademais un notable posto en próbaa elite feminina con Irene Trabazo.

No que respecta ao Supermercados Froiz, completou a súa actuación co primeiro posto de Gonzalo Inguanzo e o cuarto de Laura Mira, ambos os dous na categoría sub-23.