O ciclocrós pontevedrés eleva a súa presenza no calendario internacional

Pontevedra
15 de febreiro 2022

A provincia contará en 2022 con ata catro eventos de categoría internacional, destacando o Gran Premio Cidade de Pontevedra que terá por segundo ano a categoría  C1

Copa de España de ciclocros na Illa das Esculturas

Galicia en xeral pero Pontevedra en particular converteranse este ano en referencia do ciclocrós internacional ao dar un paso á fronte na organización de eventos de alto nivel.

O calendario aprobado pola Unión Ciclista Internacional (UCI) confirma que Galicia será escenario de cinco eventos de nivel internacional durante o mes de outubro, tres citas máis que o ano anterior.

A punta de lanza será o Gran Premio Cidade de Pontevedra, que se disputará o 8 de outubro na Illa das Esculturas e por segunda vez será de categoría C1 sobre un circuíto que ten moitas posibilidades de converterse en sede do Campionato de Europa en 2024.

Do mesmo xeito que na tempada pasada, só un día despois (9 de outubro) repetirá no calendario o Ciclocrós Internacional Xaxán CX, en Marín, mantendo a súa categoría C2.

Os que dan un paso á fronte son dous eventos que veñen de destacar na Copa Galicia da especialidade e que en 2022 serán da segunda categoría internacional (C2), como son o Ciclocrós Concello de Ribadumia (15 de outubro) e o Ciclocrós Con da Romaíña Concello de Sanxenxo (16 de outubro).

A estas citas sumarase o día 12 de outubro o Ciclocrós Internacional Lago das Pontes.

Entre as novidades confirmadas polo calendario da UCI figura tamén unha proba da Copa do Mundo de Ciclocrós en España, concretamente na localidade valenciana de Benidorm o 22 de xaneiro de 2023.