Tras non poder celebrarse no 2021 por mor da pandemia, o ciclismo galego recuperou este sábado a súa gala no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa que serviu para render unha homenaxe póstuma a tres figuras históricas: Guillermo Sande, Ernesto Falcón e Adolfo Soliño. Ademais, o acto serviu para entregar 170 premios e 18 mencións especiais.
A elección de Vilagarcía como escenario da gala serviu á FCG para distinguir a este concello polo seu modelo de mobilidade sostible apostando polas ciclo vías e promocionando o uso da bicicleta. A outra mención especial concedida á capital de Arousa foi para Gustavo César Veloso, quen puxo a finais do 2021 o punto final a unha excepcional traxectoria de 20 anos como corredor profesional.
A FCG outorgou catorce mencións especiais máis: a Sinesio Vázquez e a José Luis Padín, ao xubilarse como árbitros; a Ángel Suárez, como mellor ciclista galego a nivel internacional no 2021; ao Team Farto-BTC, por converterse no primeiro equipo profesional galego feminino; a Carlos Canal, Samuel Blanco e Guillermo García Janeiro, por dar o salto ao pelotón profesional; ao Vigo-Rías Baixas e ao Supermercados Froiz, gañador e segundo clasificado, respectivamente, do Ranking Élite español 2021; ao Aluminios Cortizo e ao Vigo-Rías Baixas, vencedor e segundo clasificado, respectivamente, do Ranking Élite español 2020; á TVG2, pola súa difusión do ciclismo; e a Protección Civil de Galicia-AXEGA, pola súa colaboración nos eventos de ciclismo.
A gala tamén serviu para premiar os resultados deportivos máis sobranceiros dos dous últimos anos. Entregáronse máis de 170 diplomas. Polo escenario do auditorio vilagarcián desfilaron as gañadoras e os gañadores dos Rankings FCG 2021 de Estrada, BTT e Ciclocrós; as ciclistas e os ciclistas que conseguiron medallas nos Campionatos de España, e aquelas e aqueles que subiron aos podios finais das Copas e dos Opens de España tanto no 2020 como no 2021. Ademais, de xeito excepcional coroouse ás tres primeiras e aos tres primeiros da Copa Galicia Cadete de Estrada, unha cerimonia que no seu día non se puido realizar nas mellores condicións.
“Detrás dos deportistas hai moita xente traballando e nesta época de adversidades o ciclismo galego sóubose inventar de novo e traballar cóbado con cóbado para saír ás estradas e facer eventos con garantías sanitarias”, sinalou Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego, que subliñou dous datos: “As licenzas aumentaron un 20 % no último ano e para esta temporada 2022 temos no calendario uns 180 eventos”.