O ciclismo elite e sub-23 feminino cítase en Pontevedra na segunda proba da Copa de España

Pontevedra
22 de marzo 2022

A segunda edición do Gran Premio Cidade de Pontevedra terá lugar o vindeiro domingo 27 de marzo, con saída e meta na Avenida das Corvaceiras

Presentación da segunda edición del Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo feminino Mónica Patxot

O Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo feminino presentou este martes a que será a súa segunda edición, repetindo como proba da Copa de España Elite e Sub-23.

Será a segunda cita puntuable do certame nacional, que traerá consigo unha participación de gran nivel á carreira que terá lugar o vindeiro domingo 27 de marzo con saída e chegada desde a Avenida das Corvaceiras.

En total serán 99 quilómetros de percorrido en forma de circuíto ata Marín que contará con ata seis pasos por liña de meta e un punto clave, o Alto da  Porteliña que se ascenderá en dúas ocasións no tramo final.

Será ademais unha carreira "moi condicinada pola climatoloxía sobre todo na zona da autovía de Marín co vento", explicou a ciclista Sabela Rey, do Team  Farto.

Precisamente o equipo pontevedrés, no seu segundo ano como escuadra profesional, ten depositadas moitas esperanzas na proba da casa para pelexar por un triunfo de prestixio.

O Farto será un dos 25 equipos presentes no Gran Premio, con máis de 400 ciclistas rexistradas para participar nas carreiras cadete (9.00 horas), júnior e máster (10.30) e elite e sub-23 (12.45 horas).

Á presentación do evento acudiron diversos representantes políticos como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da  Deputación, Carmela Silva; o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; ou o delegado territorial da Xunta de Galicia, Luís López.

A organización da carreira confirmou ademais que antes da saída homenaxearase á figura de Magín Froiz, recentemente falecido, por "todo o que o deporte pontevedrés e galego lle debe", sinalou o director deportivo da proba, Serafín Martínez.