O CGTD reabre pero os deportes de contacto quedan fóra

Pontevedra
20 de xuño 2020

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva recupera aos poucos a normalidade pero os deportistas de loita, judo ou karate continúan adestrando nas súas casas ao non estar permitidos aínda os adestramentos de combate

Penúltima xornada do Europeo de Loita de Pontevedra Diego Torrado

A nova normalidade instálase no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, pero non para todos. Desde o 11 de maio os deportistas de alto nivel e os bolseiros retomaron os seus adestramentos nas instalacións do complexo situado ás beiras do Lérez e nas próximas xornadas farán o propio os integrantes dos clubs da cidade que habitualmente adestran neste recinto. 

Con todo, existe un pequeno grupo de deportistas que teñen aínda vetada a súa práctica deportiva. É o caso dos deportes de contacto como a loita, o kárate ou o judo. Os seus practicantes continúan adestrando en casa e mellorando a súa condición física ou a súa técnica, pero levan desde que se decretou o estado de alarma no mes de marzo sen practicar o combate, ao non estar aínda permitidos como medida de prevención da transmisión do coronavirus.

"O noso deporte é loitar, pero se combates contra alguén que é positivo vaste contaxiar seguro", expón o adestrador de loita Marcos Miragaya, comprensivo coa decisión de non autorizar aínda os adestramentos con total normalidade. "O centro non ten ningunha culpa, de feito facilitáronnos moito as cousas", agradece.

Á espera da reformulación do calendario nacional e internacional, cuxos últimos cambios supuxeron un pau para as aspiracións olímpicas da loita pontevedresa, Miragaya espera que as federacións concedan unha marxe de tempo que permita aos deportistas recuperar a forma e o ritmo de combate. "En mes e medio poden estar ben porque a loita é algo que non se esquece", recoñece o técnico.

Mentres tanto os seus pupilos continúan adestrando nos seus domicilios. "Sabiamos que non ía ser para dúas semanas", sinala o preparador que decidiu aproveitar o parón para reducir a carga de traballo dos loitadores. "A Lydia Pérez veulle ben para descansar porque empezaba a mostrar xa síntomas de esgotamento, pero tampouco podía parar de competir para tentar conseguir os seus obxectivos", explica. Así cada semana realizaban unha videollamada na que o adestrador daba unha serie de pautas que os loitadores aínda continúan aplicando.

Sobre a continuación das competicións e sen coñecer aínda a decisión de suspender todos os selectivos para os Xogos Olímpicos, Miragaya xa auguraba que "non se van a poder celebrar campionatos porque non se pode viaxar. Ata setembro non haberá nada e logo xa se verá", vaticina.