O CGTD completa a súa primeira semana de desescalada con 64 deportistas autorizados

Pontevedra
15 de maio 2020

Os usuarios foron superando recoñecementos médicos que non incluían test para o Covid-19, derívanos ao servizo de Atención Primaria do Sergas en caso sospeitas, e deben cumprir un estrito protocolo de seguridade no uso de materiais e espazos

Pista de atletismo do CGTD trala súa reforma PontevedraViva

Semana de alta intensidade no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Non pola dureza dos adestramentos, senón pola elevada carga de traballo administrativo para poñer en marcha esta instalación deportiva con todas as garantías sanitarias esixidas nas normas da Fase 1 da desescalada. Desde o luns, a dirección do centro foi citando aos solicitantes, deportistas de alto nivel ou de alto rendemento bolseiros ou sen bolsa, para realizar o recoñecemento médico e asignarlle logo un horario de adestramento.

"Temos un total de 64 deportistas e non todos teñen bolsa como patinadores, triatletas, piragüistas ou atletas", explica o director do Centro Suso López. Os autorizados a facer uso destas instalacións poden acceder por agora ás diversas estancias do centro ou ao complexo de Verducido, mentres que o centro de vela de Vilagarcía abrirá aínda a próxima semana, detalla o director.

O protocolo é estrito. Para poder acceder ao CGTD deben estar cualificados como deportista de Alto Nivel ou Alto Rendemento e solicitar praza para adestrar. Como o aforo é limitado, teñen prioridade os de Alto Nivel. O primeiro paso é superar o recoñecemento médico, "o doutor está uns quince minutos con cada un", puntualiza López para explicar por que se prolongou durante toda a semana este trámite.

Na súa solicitude cada deportista detalla que instalacións precisará para o seu adestramento e cal é o seu horario preferente. A piscina e o ximnasio son os espazos máis demandados. Baseándose en estudos científicos que confirman que a posibilidade contaxios é piscinas é moi reducida, no CGTD están a exporse ampliar o aforo dun deportista cada dúas rúas, a un deportista por rúa.

Á hora de entrar ao Centro, o aparcadoiro é o único acceso habilitado. Os deportistas deben chegar con máscara e coa súa roupa de adestramento. Os vestiarios, vetados. Tras desinfectarse as mans e medirse a temperatura, acceden á súa zona de adestramento. Todas están equipadas con material desinfectante e os deportistas deben pulverizar cada herramiento que empreguen ao acabar de usala. Ao finalizar a sesión, o persoal de limpeza volve limpar toda a sala para deixala lista para a seguinte quenda.

Dado que en Galicia o de Pontevedra é o único centro de alto rendemento existente e que naquelas comunidades que permanecen aínda na Fase 0 estas instalacións deben permanecer aínda sen servizo, son moitos os deportistas que se pensaron desprazarse á cidade do Lérez. Pero, de acordo coas normas, de fóra de Galicia só poderían chegar doutras autonomías limítrofes e "León e Asturias teñen os seus centros abertos", detalla López para descartar esta opción. 

Dentro da comunidade, tampouco é moi factible o desprazamento porque a residencia do centro segue pechada e os deportistas terían que aloxarse nun hotel con todas as restricións de mobilidade que require o estado de alarma. Aínda así, recoñece Suso López que seguen recibindo decenas de solicitudes para adestrar no CGTD, sobre todo de deportistas de zonas próximas que poden ir e vir en coche no mesmo día. O aforo máximo que poden asumir nestes momentos é de 200 deportistas, polo que dan prioridade a "os que non poden adestrar noutro lugar e sexa imprescindible", explica poñendo como exemplo aos piragüistas e a aqueles deportistas que necesitan facer uso da piscina.

Fai fincapé, o director no malestar de moitos adestradores pola falta de unidade á hora de decidir que facer coas competicións. A ausencia dun calendario definitivo condiciona a planificación dos adestramentos, polo que moitos cren que o mellor sería cancelar todas as competicións ata o próxima ano, debido a que cren que á hora de organizar eventos de calquera disciplina será moi difícil cumprir as normativas de seguridade en desprazamentos, previas das competicións ou impedir a entrada de público.

SEN TESTS PARA DETECTAR POSITIVOS POR COVID-19

A diferenza dos futbolistas profesionais que se realizan test de forma habitual para descartar positivos por Covid-19, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva non se están practicando este tipo de probas a ningún deportista. "Derivámolos á Atención Primaria", sinala o director facendo referencia a un acordo da Secretaría Xeral co Sergas. "Se hai algún tipo de dúbidas, mandamos ao deportista ao seu médico", recalca López ao mesmo tempo que subliña que desde que entran ata que saen do Centro os movementos e contactos dos deportistas con outras persoas están rexistrados.