O Centro Galego de Tecnificación Deportiva suspende a súa actividade e pecha a residencia polo coronavirus

Pontevedra
13 de marzo 2020

A decisión de pechar este centro de alto rendemento por orde da Xunta prodúcese despois da cancelación das clases e do peche doutros centros do mesmo tipo en comunidades como Madrid ou Barcelona

Primeira xornada do Galego Absoluto de Atletismo no CGTD Cristina Saiz

Os centros deportivos de alto rendemento tampouco son alleos ao coronavirus. Despois do peche da residencia Blume de Madrid e do Car de San Cugat en Barcelona, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra toma o mesmo camiño. A Xunta acordou a última hora do xoves o peche deste centro durante o próximos catorce días para conter o avance do coronavirus.

A decisión do goberno autonómico supón o peche das instalacións deportivas nas que numerosos deportistas preparan o seu asalto aos Xogos Olímpicos de Tokio deste verán, así como a residencia na que se forman e conviven centos de mozos deportistas chegados de todos os recunchos de Galicia e doutras cidades españolas que agora deben regresar ás súas casas.

Nun comunicado, a Xunta explica que o obxectivo desta medida céntrase en "minimizar os prexuízos e riscos de clubs, deportistas e espectadores".