O centro do campo do Pontevedra refórzase coa chegada de Toño Calvo

Pontevedra
05 de xullo 2023

Procedente do Estepona, co que competiu o pasado curso en Segunda Federación, trátase dun centrocampista versátil de 25 anos con experiencia en Segunda B e en Primeira Federación coas Rozas e o Talavera

Toño Calvo, nun partido co Talavera CF Talavera de la Reina

Continúan os movementos no Pontevedra en forma de novas fichaxes. O conxunto granate fixo oficial este mércores a incorporación de Toño Calvo, un centrocampista de 25 anos procedente do Estepona, co que competiu o pasado curso en Segunda Federación.

Con tres anos de experiencia na antiga Segunda B e unha campaña en Primeira Federación, Calvo acumula 75 partidos xogados na división de bronce do fútbol español. Ademais, formou parte do primeiro plantel do Alcorcón na tempada 2017-2018 en Segunda División, aínda que non chegou a debutar cos alfareiros.

Ao ano seguinte, con 21 anos, foi recrutado pola Cultural Leonesa cos que tampouco tivo oportunidades, só participou en dous encontros. Foi na tempada posterior, a suspendida polo estalido da pandemia da covid-19, na que se consagrou como xogador de Segunda B en Las Rozas. Co cadro madrileño disputou 23 partidos e anotou dous goles antes de que se suspendese a liga cun terzo da competición aínda por disputar. 

O seu bo facer chamou a atención do Talavera. No Prado compartiu vestiarios con ex granates como David Añón e Edu Sousa, co que volverá compartir equipo este ano. No seu primeiro curso alternou titularidades con suplencias, pero os seus 18 partidos xogados e dous goles conseguidos serviron para clasificar aos manchegos para a primeira edición da Primeira Federación. Continuou no equipo na tempada seguinte e, a pesar de ser titular indiscutible con outros dous tantos na súa conta, foi incapaz de evitar o descenso do seu equipo a Segunda Federación, aínda que logo acabaríase salvando nos despachos.

Na tempada recentemente concluída, oitavo clasificado co Estepona no grupo V de Segunda Federación, volveu ser unha peza fundamental no xogo do seu equipo e, ademais, foi na que máis goles anotou (3).

Calvo destaca pola súa versatilidade e adaptación a todas as funcións e esixencias dun centrocampista moderno. Sacrificado en defensa e con capacidade para chegar con perigo a zonas de remate. Tamén se mostra cómodo na fase de construción e no manexo de balón, así como combativo no xogo aéreo grazas á súa forza e 178 centímetros de altura. 

Chega a Pontevedra coa intención de manter a súa liña ascendente tanto de minutos de xogo como de futbolista de peso no once inicial que iniciou hai catro tempadas en Las Rozas.

Ademais trátase dun perfil de xogador do que o cadro granate carecía tras a marcha de Miguel Román e Javi Robles. 

Coa súa chegada, son xa seis as novas fichaxes confirmadas polo Pontevedra: Edu Sousa, Mario Gómez, Eneko Zabaleta, Chiqui, Charly e Toño Calvo