O Campionato de España de Ciclocrós comeza con medalla de ouro para Galicia

Pontevedra
11 de xaneiro 2019

O equipo galego, coa marinense Irene Trabazo nas súas filas, fíxose coa vitoria na modalidade Team Relay de remudas por seleccións autonómicas no medio dun grande ambiente na Illa das Esculturas de Pontevedra. O ourensán Iván Feijóo rematou o traballo dos seus compañeiros nunha sobresaliente remuda final

Primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas Mónica Patxot

Non puido comezar de mellor forma para a afección local o Campionato de España de Ciclocrós que desde este venres celébrase en Pontevedra.

Galicia fíxose coa medalla de ouro na modalidade Team Relay, de remudas por seleccións autonómicas, que abría o calendario de competición, e fíxoo nunha carreira repleta de emoción e no medio dun notable ambiente na Illa das Esculturas.

O combinado galego, no que competiu a marinense Irene Trabazo, pelexou nos primeiros postos desde os metros iniciais co júnior Carlos Canal, que se puxo á fronte ata que Cantabria tomou o mando.

Trabazo mantivo posicións preto do liderado no ecuador da carreira, coa terceira remuda, aínda que o País Vasco pasou a dominar da man de Ibarrola, mentres que Galicia mantiña as súas opcións con Cantabria e Asturias pelexando polo terceiro chanzo do podio. 

Así foi ata a última volta, que comezou co galego Iván Feijóo cazando a Larrinaga. Todo se decidiría nun man a man, co público apoiando, e aí o ourensán foi máis forte. Primeiro aguantou a roda do seu rival ata que atacou nos últimos metros para coller unha lixeira vantaxe que lle permitiu chegar á recta de meta en disposición de levantar os brazos e alzarse coa vitoria.

Tras o equipo galego, composto por Andrés Calvete (Máster), Miguel Rodríguez (Cadete), Iván Feijoo (Sub-23), Carlos Canal (Júnior), Irene Trabazo ( Sub-23) e Saúl López (Elite) e que asinou un tempo de 47 minutos e 43 segundos, chegou o País Vasco para levar a medalla de prata e Asturias que se fixo co bronce.

A competición no Campionato de España de Ciclocrós continuará este sábado desde as 9:30 horas coas carreiras de Máster 50 e 60, Máster 40 (10:45 horas), Máster 30 (12:00), a categoría Cadete Feminina (15:00 horas), e a categoría Cadete Masculina (15:50 horas).