O Campionato de España Absoluto de Karate aterra en Pontevedra: "O nivel vai ser impresionante"

Pontevedra
03 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A competición nacional, na que participarán preto de medio milleiro de deportistas, celebrarase o venres 5, sábado 6 e domingo 7 de abril no Pavillón Municipal dos Deportes

Presentación do Campionato de España Absoluto de Karate que se celebrará en Pontevedra Mónica Patxot

Todo listo para que o Pavillón Municipal dos Deportes acolla entre o venres 5 e o domingo 7 de abril o Campionato de España Aboluto de Karate e Para-Karate.

Serán preto de medio milleiro os deportistas que participarán no evento, o cuarto de nivel nacional que acolle a Boa Vila pero o de maior nivel ata a data.

De feito segundo o presidente da Federación Española de Karate, Antonio Moreno, "o nivel do campionato vai ser impresionante tanto en karate como en parakarate, vindo os campións do Mundo e os campións de Europa. E ademais é clasificatorio para Croacia porque de aquí a dous meses temos o Campionato de Europa", explicou na presentación do torneo acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral para o deporte da Xunta, José Ramón Lete; e o presidente da Federación Galega de Karate, Óscar Lafuente.

"Quero animar a toda a veciñanza de Pontevedra a que veña e goce deste evento e das diferentes modalidades que competirán", sinalou de feito o presidente da federación autonómica.

Dentro da programación prevista destaca a homenaxe que a Federación Española realizará ás 18.30 horas do sábado ao equipo nacional feminino recentemente proclamado campión do mundo, así como aos campións de para-karate.

"Seguiremos traballando á hora de seguir traendo este tipo de citas, mesmo máis grandes na medida que contemos con mellores instalacións deportivas", afirmou pola súa banda na súa intervención Miguel Anxo Fernández Lores.