O boxeador marinense Aarón González participou este sábado nunha velada de boxeo na Coruña. O evento consistiu na celebración de cinco combates, co título autonómico en xogo. Disputábano dous púxiles que adoitan compartir moitas horas de adestramento, Aarón González do Team Thunder; e Martín García do Mat's.
O combate decantouse finalmente ao lado de García e o propio González admitiu nas súas redes sociais que "aínda que creo que puido caer do meu lado, a vitoria foi para Martín e doulle o parabén por facer un gran combate e por facer que o nivel no peso creza", declarou con deportividade destacando a calidade do novo campión galego na categoría Neopro.
Ademais destes dous púxiles de clubs marinenses, a velada contou con deportistas da talla de Olmo de Paz, Aram Cruz, Manuel Jiménez, David Álvarez, e Charly López.
A velada celebrouse con normalidade e co cumprimento de todas as medidas de seguridade para previr contaxios por coronavirus.