O Club Cisne Balonmán segue sumido nunha mala serie de resultados que tampouco foi capaz de romper na cancha do Benidorm, que conseguiu unha cómoda vitoria exhibíndose nos últimos minutos da primeira metade.
Estaba claro que ía ser un partido complicado e que os bancos ían ter que loitar, pero o que ninguén se imaxinaba era que o Benidorm conseguise unha vitoria tan cómoda.
De feito, o que se viu ao comezo para nada facía pensar no que ocorrería despois. Os brancos saíron enchufados e así aguantaron ata que se alcanzou o ecuador do primeiro tempo (6-6), cando tras varias perdas por parte dos cisneístas, o cadro local abriu unha primeira brecha de tres goles que obrigaba a Javier Márquez a parar o cronómetro (10-7).
Tentou volver á carga o Cisne, pero os erros sucedíanse un tras outro e o partido empezaba a escaparse. A defensa do Benidorm era un muro, os xogadores pontevedreses non se entendían á hora de dar os pases e non había apenas lanzamentos. E os que había ían fóra.
Detiña outra vez o tempo o técnico cisneísta cando o marcador mostraba un 13-8, pero os locais non baixaban o ritmo e seguían inspirados, en especial Eduardo Cale, imparable para un Cisne que mostraba brechas en todas as facetas e atopábase cunha laxa de seis goles en contra ao descanso (17-11).
Tras o paso polos vestiarios os nervios e a necesidade dunha vitoria empezábanse a notar. Caeron os de Pontevedra na precipitación á hora de atacar e cometían pequenos erros que eran castigados en forma de gol por parte do Benidorm, que ampliaba a súa vantaxe cunha parcial inicial de 3-0.
Carlos Álvarez anotou para o Cisne tras catro minutos, pero os locais mantiñan unha renda que non baixou dos seis goles ata que, alcanzados os 15 minutos de xogo, Javier Márquez volvía parar o tempo. Foi nese momento cando os brancos xogaron os seus mellores minutos e con Franceschetti, Dani Serrano e dous goles de Chan, reducía, por fin, a cinco tantos a diferenza que os separaba do empate (24-19).
Pero os de Fernando Latorre seguían ao seu e non baixaban os brazos, mentres o Cisne pelexaba e tentaba por todos os medios traerse algo positivo a Pontevedra. Pero o tempo acabábase, os colexiados mostraban tarxeta vermella a Furtado e as opcións desaparecían por completo.
O resultado final foi de 32-27, o que supón unha nova derrota para un Club Cisne Balonmán que segue sumido nunha mala serie que se alonga desde o mes de outubro.
Consulta as estatísticas nesta ligazón