O balonmán prolonga a suspensión das competicións, polo momento, ata principios de abril

Pontevedra
17 de marzo 2020

A Real Federación Española de Balonmán confirmou este martes algo que xa se esperaba nos clubs, a suspensión dunha xornada máis da competición nas súas ligas (a do 28 e 29 de marzo) para adecuarse ao decreto de estado de alarma aprobado polo Goberno

Partido de liga entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal Diego Torrado

Era unha decisión esperada polos clubs, que demandan máis información sobre que sucederá unha vez pase a alerta e as medidas establecidas para conter o avance do coronavirus, pero ata o de agora non era oficial.

A Real Federación Española de Balonmán confirmou este martes a suspensión dunha xornada máis de liga, a do 28 e 29 de marzo, que se suman ás dúas xa aprazadas no seu momento.

A medida adopatada polo Comité Nacional de Competición afecta a todas as súas competicións estatais, tanto oficiais como amigables, profesionais e  amateurs, adecuándose aos prazos iniciais do estado de alarma decretado polo Goberno.

"En calquera caso, a suspensión das competicións manterase durante todo o período de vixencia do estado de alarma e, no seu caso, as prórrogas que se acorden", avisa o comunicado da Federación Española deixando no aire que sucederá a partir desa data.

Desta forma, aínda que parece xa pouco probable, a competición na División de Honra Prata reiniciaríase para os equipos pontevedreses, Teucro e Cisne, o 4 de abril con senllos enfrontamentos ante Zarautz e Zamora respectivamente, sempre que se manteña o calendario anterior.

"No seu momento, e á vista da evolución da situación o Comité Nacional de Competición, previo informe dos departamentos federativos afectados adoptará as resolucións pertinentes tanto respecto das xornadas suspendidas como daquelas que restan para finalizar a tempada" conclúe o texto federativo.