O baloncesto tamén prolonga a suspensión ata abril e o Peixe Galego atrasa a súa volta aos adestramentos

Pontevedra
18 de marzo 2020

A Federación Española de Baloncesto confirmou este mércores que amplía a suspensión da competición, polo momento, durante unha semana máis aprazando a xornada prevista para o 28 e 29 de marzo para adecuarse ao decreto de estado de alarma

Romone Saunders, no partido entre Peixe Galego e Huesca Diego Torrado

As suspensións nas competicións nacionais de baloncesto, o que inclúe o Peixe Galego na Liga LEB Ouro e ao Arxil e Cortegada na Liga Feminina 2 entre outros, prolongaranse polo menos unha semana máis.

É o que comunicou este mércores de maneira oficial a Federación Española de Baloncesto (FEB), tras a decisión adoptada pola Comisión Delegada e a Comisión de Presidentes de Federacións Autonómicas.

Desta forma, ás dúas xornadas aprazadas nun primeiro momento únese a prevista para os días 28 e 29 de marzo, polo que a competición non comezaría de novo en ningún caso antes do mes de abril.

Trátase dunha medida esperada, porque con estes prazos a FEB adecúase ás restricións impostas con motivo do decreto de estado de alarma a nivel nacional debido á expansión do coronavirus Covid-19.

Coñecida a decisión federativa, que se teme non sexa a última no mesmo sentido prolongando aínda máis o paro, un dos principais equipos da comarca como o Marín Peixe Galego anunciou que atrasaba, sen data, o regreso aos adestramentos do seu primeiro equipo que estaba previsto inicialmente para o próximo día 26 de marzo.