O baloncesto segue aprazando xornadas, esta vez a do 11-12 de abril

Pontevedra
26 de marzo 2020

Con esta medida a Federación Española de Baloncesto adáptase aos prazos adoptados polo estado de alarma, pero non despexa a incerteza de clubs que, como o Arxil, pediu que se de por finalizada a tempada

Partido entre Arxil e Barakaldo no CGTD Cristina Saiz

A bóla dos aprazamentos nas ligas deportivas segue crecendo aos poucos por efecto do coronavirus sen que se albisque o final.

A Federación Española de Baloncesto (FEB) anunciou durante a tarde do mércores a decisión de aprazar unha nova xornada nas súas ligas, a que se tería que xogar os días 11 e 12 de abril.

Trátase dunha medida adoptada tras a reunión telemática da Comisión de Presidentes de Federacións Autonómicas como consecuencia da ampliación do estado de alarma e co obxectivo de axustarse a estes prazos.

Con todo, suspendendo xornada a xornada, non se dá aínda resposta ás inquietudes de clubs que, como o Arxil de Liga Feminina 2, pediu que se de por finalizada a tempada ante o prexuízo económico que supoñería alongar os contratos das súas xogadoras. De feito 24 dos 28 clubs da categoría remitiron un escrito á FEB formalizando esta petición, e é que a xornada en cuestión do 11-12 de abril era inicialmente a prevista para o último partido da liga regular.

Pola súa banda en categoría masculina o Peixe Galego da iga LEB Oro xa anunciou oficialmente a súa intención de aplicar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) mentres dure o parón, unha situación que afecta aos 11 xogadores do primeiro plantel, ao primeiro e segundo adestrador e ao coordinador da base.

Mentres iso sucede e as entidades deportivas viven nun limbo, "a Federación confía en que á finalización deste período de excepcionalidade se poidan tomar decisións definitivas sobre as súas competicións nacionais", conclúe o comunicado feito público pola FEB.