O Bádminton Ravachol pecha o seu plantel coa incorporación do ourensán Martín Barbado

Pontevedra
21 de agosto 2020

Co plantel pechado os deportistas do equipo pontevedrés céntranse xa na preparación da primeira xornada de liga na División de Honra, prevista para o 5 de setembro en Valencia fronte ao CB San Fernando, se as condicións sanitarias o permiten

Martín Barbado, novo xogador do Bádminton Ravachol Club Bádminton Ravachol Pontevedra

Co seu debut na División de Honra xa ao virar a esquina, o Club Bádminton Ravachol Pontevedra confirmou o seu último movemento para dar por pechado o plantel co que debutará este curso na máxima categoría.

A última incorporación dos pontevedreses é o ourensán Martín Barbado, procedente do club Athlos de Ourense, que chega para pechar un plantel masculino "de garantías", aseguran desde o club, no que xa se atopaban os renovados Álex Nogueira, Manuel Brea, Gabriel Fernández, Pablo Sanmartín, Miguel Serrano e os fichados David King e Luke Pearce.

A eles súmanse Ana Carbón, Raquel Miguens, Noelia Gestoso, María Torres e as tamén fichadas Georgina Bland e Ania Setién no equipo feminino.

Segundo destaca o Ravachol o seu novo xogador acumula unha ampla traxectoria deportiva con 5 títulos de campión galego no seu palmarés e 4 medallas en campionatos de España.

Pechado plamtel, o primeiro equipo céntrase xa na recta final de adestramentos antes de que de inicio a tempada de maneira oficial coa primeira xornada de liga, prevista para o próximo día 5 de setembro en Valencia fronte ao CB San Fernando, se as condicións sanitarias o permiten.