O Bádminton Ravachol fai historia e xogará o play-off polo título en División de Honra

Pontevedra
26 de febreiro 2024

Tras o seu triunfo da fin de semana no Municipal ante o que chegaba como colíder da liga, o IES La Orden, o club pontevedrés asegura a falta dunha xornada para o final da primeira fase estar nas semifinais polo título

Xornada de División de Honra entre Bádminton Ravachol e IES La Orden no Pavillón Municipal Cristina Saiz

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra négase a baixar da nube na que vivie esta tempada na División de Honra, e é que está a vivir unha tempada histórica, a mellor desde que compite na máxima categoría nacional.

O equipo pontevedrés segue a facer historia, e a falta dunha xornada para o final da fase regular asegurou por primeira vez un posto no play-off polo título de liga. O Ravachol estará nas semifinais de liga, a falta só de saber se contará co factor cancha a favor.

Os xogadores adestrados por Jesús Pereiro aseguraron ademais un posto no play-off ao grande, superando no Pavillón Municipal dos Deportes ao equipo que chegaba como colíder e que é ademais o actual subcampión de Europa, o IES La Orden de Huelva, e todo iso a pesar das baixas por lesión de Jacobo Fernández e Lisa Curtin e tamén de Alexandra Oprisan, ao atrasarse o voo que a traía a Galicia desde unha competición en Mánchester.

De feito as baixas fixeron debutar como titular en División de Honra a Carmen Carro, xogadora Sub-17, que xunto a Hugo Salgueiro nada puideron facer no dobres mixto comezando a xornada con 0-1 para o equipo visitante.

Tamén cederon no seu partido de dobres masculino Manuel Brea e Gabriel Fernández, pero Georgina Bland e Laura Álvarez daban ánimos ao Ravachol gañando en cinco mangas a Laura Santos e Haidee Ojeda.

A situación era complicada, sobre todo porque no seguinte partido Laura Álvarez tiña que medirse coa campioa do mundo senior, a portuguesa Telma Santos, nun encontro no que deu a sopresa en tres sets poñendo as táboas no marcador xeral.

O IES La Orden volveu tomar vantaxe ao caer Manuel Brea fronte ao danés Christopher Vittoriani, pero o Bádminton Pontevedra non se daba por vencido e forzaba o desempate co triunfo de Georgina Bland sobre Laura Santos.

Quedaba un encontro, o decisivo, e saltaba á pista polo Ravachol o seu capitán, Gabriel Fernández, vencendo en catro mangas e dando un espectacular triunfo ao seu equipo.

"Faltábannos varias pezas importantes e aínda así gañamos outra vez a Huelva. Fixemos historia para o bádminton galego ao clasificarnos para semifinais polo título, nunca antes un equipo galego había chegado ata aquí desde que existe este formato de liga, e é un orgullo para nós representar a Pontevedra e Galicia na loita polo título", sinalou eufórico tras o encontro o adestrador e director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro.

Cun posto asegurado na semifinal polo título, un triunfo agora contra o Oviedo na última xornada, dentro de dúas semanas, daríalle aos pontevedreses o primeiro posto da fase regular e a oportunidade de contar co factor cancha ao seu favor.