O Bádminton Ravachol cae con honra en Sevilla nas semifinais polo título de liga

Pontevedra
25 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Pese ao claro resultado en contra (6-1) na pista do Rinconada Sevilla, o club pontevedrés di adeus con bo sabor de boca a unha tempada na que fixo historia para o bádminton pontevedrés e galego

Xornada de División de Honra entre Bádminton Ravachol e Oviedo no CGTD Cristina Saiz

A aventura dunha tempada histórica para o Club Bádminton Ravachol Pontevedra chegou ao seu fin nas semifinais polo título de liga de División de Honra.

O equipo pontevedrés, primeiro galego clasificado para un play-off polo título na máxima categoría, non puido prolongar o seu soño de pelexar polo campionato ao perder este domingo na súa visita ao Rinconada de Sevilla.

A derrota foi dura (6-1), pero os pupiulos de Jesús Pereiro caeron coa cabeza alta e tras superar adversidades nas últimas semanas en forma de lesións.

O certo é que o Rinconada, primeiro clasificado do Grupo B, non deu opción á sorpresa do Ravachol, ao tomar a dianteira xa no primeiro punto cun triunfo en catro mangas no dobres mixto, onde os locais Carlos Piris e Claudia Leal superaron a Gabriel Fernández e Georgina Eileen.

O marcador ampliouse con dúas vitorias máis do Rinconada, ambas as dúas en tres sets, nos dobres tanto masculinos como femininos.

Chegaba a quenda dos partidos individuais sen marxe para o erro do Bádminton Pontevedra, e aínda que Laura Álvarez vendeu cara a súa derrota cedeu en catro parciais fronte a Beatriz Corrales confirmando a derrota e o pase á gran final do Rinconada.

Polo menos nos tres partidos que pechaban a semifinal Georgina Eileen deulle o punto de honra ao Ravachol ao vencer á chinesa Wei Xu.

Unha derrota en todo caso que non embaza a gran tempada do Club Bádminton Ravachol Pontevedra, na que fixo historia para o bádminton pontevedrés e galego.