O Bádminton Pontevedra 'pesca' dúas fichaxes en Londres para o seu proxecto en División de Honra

Pontevedra
20 de xullo 2020

O club pontevedrés confirmou a incorporación dos británicos David King e Luke Pearce, cos que espera dar un salto de calidade ao plantel co obxectivo de consolidarse na máxima categoría

Jesús Pereiro posa en Londres cunha das fichaxes do Ravachol, David King
Jesús Pereiro posa en Londres cunha das fichaxes do Ravachol, David King / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

A viaxe exprés realizada polo director deportivo do Club Bádminton Ravachol Pontevedra, Jesús Pereiro, e o seu xogador Manuel Brea a Londres resultou en grao sumo frutífero.

O conxunto pontevedrés, tras meses de procura, tiña previsto reunirse na capital inglesa con tres xogadores, e tras esas reunións logrou pechar dúas fichaxes cos que espera achegar un salto de calidade ao plantel co obxectivo de consolidarse na máxima categoría, unha División de Honra na que debutarán a próxima tempada.

As novas incorporacións son David King e Luke Pearce. O primeiro deles, aos seus 24 anos, formou varias veces parte da selección inglesa. Nacido en  Guildford, participou en grandes eventos internacionais como o Campionato do Mundo Júnior de Perú, en 2015, e o Campionato de Europa Júnior de 2014 en Turquía, onde conseguiu a medalla de bronce individual. King xogou o últimas catro tempadas no CB  Sussex, da Premiership inglesa, ademais dun paso fugaz pola liga española en 2016.

"Estou entusiasmado co inicio da tempada", recoñeceu o xogador nun vídeo difundido polo seu novo club, no que explica que a pasada tempada terminou na competición inglesa "co segundo maior número de vitorias da liga".

Pola súa banda Luke Pearce, da mesma idade que o seu compatriota, acumula tamén experiencia internacional no mesmo Mundial Júnior e Europeo, no que foi subcampión por equipos. Procede do CB Surrey, aínda que tamén disputou a liga suíza e a liga francesa nos últimos anos.

"Buscarei representar ao equipo e dar o meu mellor nivel en cada partido", prometeu a nova fichaxe do Ravachol.

Ambos os dous xogadores teñen previsto viaxar a España en agosto para tramitar a documentación necesaria que lles permita competir na División de Honra, viaxe que aproveitarán para adestrarse cos que serán os seus novos compañeiros.

Estas fichaxes súmanse ás renovacións de Álex Nogueira, Manuel Brea e Gabriel Fernández, deixando o plantel masculino practicamente pechado "a falta dos últimos retoques", confirma o club. Pola súa banda na estrutura feminina está confirmada a continuidade de dúas pezas importantes como Ana Carbón e Noelia Gestoso ás que, salvo sorpresa, unirase a capitá Raquel Miguens.