A Copa do Rei centra gran parte da atención na actualidade do Pontevedra Club de Fútbol, pero a liga aparece no horizonte cun importante partido o vindeiro sábado en Pasarón (19.00 horas) contra un rival directo pola permanencia, o Club Deportivo Badajoz.
O cadro pacense, cun punto máis que os granates na táboa marcando a zona de salvación, chegarán a Pontevedra nunha situación complicada a nivel deportivo e institucional, e é que viaxarán á Boa Vila co xusto.
Segundo testemuñan os medios de comunicacón estremeños, os blanquinegros non contan a día de hoxe con xogadores suficientes do primeiro plantel para completar a convocatoria, debido ás sancións e ás baixas que se deron tras a apertura do mercado de fichaxes. Esta situación agrávase xa que, aínda que algún reforzo está a punto, ao atoparse o Badajoz en concurso de acredores, é a administración concursal a que debe aprobar os movementos que se realicen.
Polo momento o próximo rival do Pontevedra confirmou as saídas de Javi Ros, Theo Chendri e Valcarce, futbolistas todos eles que sen ser indiscutibles acumulaban unha importante suma de minutos. A iso súmanse as sancións de Mariano Gómez e Gianluca Mancuso por acumulación de amoestacións.
A nivel de resultados o Badajoz chegará á Boa Vila tras encadear dúas derrotas, dous empates e unha sóla vitoria no seu últimos cinco partidos de liga.