A un paso de dar a badalada quedou o Atlético Vilalonga FF na eliminatoria de primeira rolda da Copa da Raíña disputada este mércores no estadio de San Pedro.
O conxunto celeste, de Segunda RFEF, puxo contra as cuertas ao RC Deportivo da máxima categoría, que hai escasos días viña de competir de ti a ti co todopoderoso Barcelona na primeira xornada de liga.
Cun gran esforzo a nivel defensivo e colectivo, o Vilalonga contrarrestou o dominio e calidade do seu rival, que puido adiantarse na primeira metade, con gol anulado incluído, pero que co paso dos minutos foi perdendo claridade e forza sen que o marcador se movese.
Non logrou de feito o equipo coruñés o seu gol ata practicamente a última xogada do encontro, nunha rápida transición polo costado esquerdo cun centro que cabeceou Milene ao fondo da rede. Era o minuto 94.
Un duro castigo para as locais que con todo despídense da Copa da Raíña coa cabeza alta.