O Atlético Benavente esperta o Leis do soño de ascender a Segunda (6-2)

Pontevedra
22 de xullo 2020

O conxunto pontevedrés viuse superado con claridade polo campión de grupo na liga regular, un Atlético Benavente que tardou pouco máis dun minuto en tomar vantaxe e que xa non cedeu a iniciativa no marcador. O Leis despídese do play-off coa cabeza alta tras asinar unha gran tempada

Plantel do Leis tras caer derratados en Benavente Leis Pontevedra

Non puido ser. O Leis Pontevedra despediuse das súas opcións de ascender á Segunda Divisiónde fútbol sala ao caer este mércores de maneira clara ante o Atlético Benavente (6-2), campión de grupo na liga regular.

O conxunto local fixo valer a súa calidade individual para desequilibrar o encontro desde o inicio, e é que se en xogo non houbo moita diferenza entre os dous equipos, en acerto non houbo cor. Así, o Benavente tardou só un minuto e medio en abrir a lata, cun gol de Charlie que picou con clase ante a saída de Marco, e xa non soltou en ningún momento a iniciativa no marcador.

Foi un duro golpe de saída para os de Mikel Diestro, que a pesar diso seguiron concentrados e tentaron estirarse para chegar á meta contraria. Probouno  Cley pouco despois, con todo o Benavente non permitía profundar con facilidade aos pontevedreses.

O equipo organizador da fase de ascenso si que chegaba en cambio con claridade, e avisou primeiro cun balón ao pau de Malaguti e dúas accións de Sergio Hernández e Dani Martín que atallou Marco con seguridade. Pero se nesas tres acciones non acertaron, á cuarta non perdoaron, e nun saque de banda chegou o 2-0, con algo de fortuna ao pegar o disparo de Dani Martín nas costas de Santi Valladares.

O Leis tirou de orgullo e na súa primeira acción importante Cley conseguía reducir distancias poñendo o 2-1, aproveitando o rexeite do gardameta tras un disparo de Joni cando se achegaba o ecuador da primeira metade.

Era o momento de engancharse á eliminatoria pero non o permitiu o primeiro clasificado da liga regular, que tardou poucos minutos en golpear por partida dobre e poñer terra polo medio. Fíxoo con goles de Malaguti e de Charlie, este de novo tras unha xogada de estratexia, poñendo o 4-1 no marcador

Mikel Diestro tivo que pedir tempo morto para reordenar aos seus, e o certo é que chegaron os mellores minutos dos pontevedreses para tentar conseguir un gol que lles dese algunha esperanza de remontada na segunda metade. Estivo especialmente preto de conseguilo Arroyo, pero o seu disparo afastado pegou no traveseiro. Faltaba pouco máis dun minuto para o descanso, tempo suficiente para que chegase o quinto do equipo local, de novo por medio de Charlie aproveitando un desaxuste defensivo para deixar ferido de morte ao Leis.

Estaba case imposible, e aínda así o cadro pontevedrés saltou de novo á pista tras o descanso tentando estar centrado e non desconectarse do xogo. Adiantaron liñas coincidindo co repregamento dun Benavente que parecía cómodo sobre a pista xestionando a súa vantaxe.

Foron pasando os minutos sen excesivas oportunidades. Probouno primeiro Joni nunha rápida transición, pero foi Berto o que conseguiu recortar distancias a 12 minutos do final cun bo disparo afastado nunha acción de saque de banda que sorprendeu ao gardameta local, Dani Simón. Era o 5-2 que pareceu dar certos ánimos ao Leis, aínda que o tempo seguía correndo para desesperación visitante.

Sen perderlle a cara ao partido, Mikel Diestro apostou polo xogo de cinco a falta de cinco minutos para a conclusión. Co que non contaba o técnico é coa segunda amarela a Arroyo, provocada polo veterano Charlie ao sacar de banda sen que o futbolista do Leis gardase a distancia e que deixou en inferioridade ao seu equipo dous minutos. Nesa acción foise a metade do tempo que quedaba, e aínda por riba chegou o sexto do Benavente, a puntilla conseguida por Sergio Hernández.

Derrota con todo honrosa para un Leis Pontevedra que se despediu coa cabeza alta dunha tempada notable, na que a fase de ascenso supoñía todo un premio.