O Asmúbal Meaño inicia este sábado en Dena a fase de ascenso a División de Honor Oro

O Salnés
19 de abril 2023

O equipo do Salnés, segundo clasificado no seu grupo, deberá eliminar ao Mislata de Valencia nunha eliminatoria previa a dobre partido para meterse na liguiña polo ascenso, da que subirán os dous mellores clasificados

O Asmúbal Meaño celebra a súa clasificación para a fase de ascenso a División de Honor Oro PontevedraViva

O Asmúbal Meaño inicia esta fin de semana o seu asalto á División de Honor Oro, a segunda máxima categoría do balonmán feminino en España. As xogadoras adestradas por Juan Manuel Costas certificaron a pasada fin de semana a súa clasificación para a primeira rolda da fase de ascenso ao conseguir terminar a liga regular en segunda posición. Á fase de ascenso acceden os dous primeiros clasificados de cada un dos catro grupos que compoñen a División de Honor Prata.

As do Salnés deberán agora superar a eliminatoria a dobre partido contra o Mislata valenciano, primeiro clasificado do Grupo C, para meterse na liguiña final polo ascenso, que disputarán catro equipos e que obterán os dous primeiros clasificados

O primeiro asalto terá lugar este sábado ás 20 horas no pavillón de Dena, mentres que á semana seguinte xogaranse o pase na cancha do conxunto levantino. Co obxectivo de apoiar ás súas xogadoras, desde a directiva do Asmúbal fan un chamamento a toda a cidadanía e seguidores do balonmán a que acudan ao pavillón para empuxar ao cadro verde cara á vitoria. 

É a primeira vez na historia do club do Salnés que consegue por méritos propios clasificarse para a fase de ascenso. As de Costas acabaron en segunda posición, só foron superadas polo intratable Lanzarote Porto do Carmen.