O Asmubal Meaño feminino, novo proxecto para Luis Montes

Pontevedra
04 de xuño 2020

O técnico pontevedrés, que recibiu varias propostas para seguir coa súa carreira de adestrador lonxe de Galicia, cambia de terzo e estrearase cun equipo feminino, en Primeira Autonómica, que soña con regresar a medio prazo á División de Honra Prata. "Era das poucas cousas que me podían motivar agora mesmo", recoñece

Luis Montes, nun adestramento do Teucro 2019-2020 Mónica Patxot

Luis Montes xa ten novo destino para proseguir a súa carreira como técnico de balonmán, tras dous anos á fronte da Sociedad Deportiva Teucro.

O técnico pontevedrés, despois da súa saída do vicedecano do balonmán nacional, contou con propostas importantes de fóra de Galicia, incluído algún equipo de Prata, pero decantouse por quedarse na casa e volver gozar, sen tanta presión, do deporte que tanto lle gusta.

Ese novo destino é o Asmubal Meaño, onde se fará cargo por primeira vez dun conxunto sénior feminino, o que milita na Primeira Autonómica.

"Custoume, porque estaba decidido a non facer nada, pero ao final vaiche picando o gusanillo", recoñece Montes, e probar a dirixir un conxunto feminino "era das poucas cousas que me podían motivar agora mesmo".

Será un ano para "aprender algo novo e facer algo diferente", pero sempre co obxectivo de lograr bos resultados.

Luis Montes substituirá no cargo a Juan Costas, nun equipo que a medio prazo aspira a regresar á División de Honra Prata, na que xa militou hai poucas tempadas. "O club ten ilusión", asegura o seu novo adestrador, pero consciente de que "é un dos ascensos máis difíciles do balonmán", ao ser sempre vía fase de ascenso cos mellores equipos doutros grupos.

Esta campaña, no momento da suspensión da competición, o Asmubal Meaño ocupaba a segunda posición do seu grupo tras A Cañiza, único equipo que xogará a fase de ascenso cando as condicións sanitarias o permitan.