O Arxil volve ao traballo co plantel pechado

Pontevedra
02 de setembro 2022

As verdes teñen preparada unha pretemporada de catro semanas para chegar en plena forma ao comezo de liga, previsto para o 1 de outubro

Primeiro adestramento do Arxil da tempada 2022-2023 Mónica Patxot

O Arxil inicia a pretemporada. As verdes volveron este xoves ao traballo no CGTD para iniciar unha pretemporada que durará catro semanas para comezar o 1 de outubro a liga en plena forma.

Á fronte do equipo está, unha tempada máis, Maite Méndez que contará ao longo do curso coa colaboración dos seus axudantes Magín Méndez, Marita Janeiro e Milagros Sanmartin. A primeira sesión serviu para comprobar o estado físico das xogadoras e o traballo, nestas primeiras semanas de adestramento, centrarase principalmente en aspectos físicos, deixando a táctica para días posteriores.

"Imos tentar realizar o traballo o máis esixente posible dentro das posibilidades que temos para adestrar", explicou o directivo Lino Vázquez que xestiona coas institucións locais a dispoñibilidade de novas instalacións de adestramento para ampliar as horas de traballo.

O obxectivo do Arxil pasa por repetir o da tempada pasada, na que quedaron ás portas do ascenso despois dun disputado playoff.

A adestradora conta desde o primeiro día con todo o persoal. A única ausencia na primesa sesión foi a de Andrea que ten previsto incoporarse este venres á rutina de adestramentos.

Carla e Lago traballaron á marxe para recuperarse das súas doenzas. Cristina, Margarita, Nerea, Aldara, Mirian e Foster, xunto coas novas incorporacións Meniña, Carolina e Carmen traballaron ás ordes de Maite Méndez.

O primeiro test de pretemporada será en Gaia o vindeiro sábado 10 de setembro ante o Gdessa de liga feminina portuguesa.