O Arxil renova ao seu outro piar, Carla Fernández

Pontevedra
25 de agosto 2021

A base nada en Vigo afronta a súa duodécima tempada defendendo as cores do conxunto pontevedrés

O Arxil renova a Carla Fernández CB Arxil

Despois de asegurar a continuidade da capitá do primeiro equipo, María Lago, o Arxil confirma tamén a renovación de Carla Fernández, outro peso pesado do vestiario que cumprirá o próximo curso a súa duodécima tempada no conxunto pontevedrés.

A base acumula máis de 350 partidos de liga lucindo as cores do Arxil e no club ven nela unha xogadora fundamental nos esquemas de Maite Méndez nas últimas tempadas.

Viguesa de nacemento e pontevedresa de adopción, Carla chegou á cidade do Lérez procedente do Carmelitas no curso 2010-2011, despois de xogar en categorías inferiores no Seis  do Nadal e Celta. A súa calidade, carácter gañador e o compromiso que ten co Arxil fíxolle gañarse moi pronto o agarimo de toda a afección. 

Na última tempada, Fernández acumulou 787 minutos na liga regular, anotando 167 puntos, con 91 rebotes, 55 balóns recuperados, 46 asistencias e unha valoración de 107 en 26 partidos.