Derrota do Club Baloncesto Arxil este sábado en Málaga ante Unicaja nun duelo vital pola loita por disputar os play-off polo ascenso. O conxunto pontevedrés tardou en entrar no encontro e cando reaccionou foi demasiado tarde, caendo finalmente por un axustado 60-55.
Comezou mandando no luminoso o Unicaja de Málaga, liderado por dous triplos de García Ramos cos que poñía terra polo medio ante un Arxil negado de fronte ao aro e que só anotaba 13 puntos fronte aos 23 do seu rival.
Apertou as porcas a adestradora pontevedresa ás súas xogadoras en tarefas defensivas, neutralizando os intentos das locais de abrir unha maior brecha, pero en ataque as cousas seguían sen saír como querían e seguían impotentes á hora de reducir distancias, enviando o partido ao descanso en 34-23.
Despois do paso polos vestiarios a igualdade mantívose, pero o Arxil tiña claro que necesitaba unha reación para poñer en aprietos ao Unicaja e ir a por a vitoria. Asinaron un parcial de 15-16 no terceiro cuarto e cunha diferenza de tan só 10 puntos alcanzouse o período definitivo (49-39).
Pero o equipo local tamén estaba en busca dun triunfo en grao sumo importante e conseguía ampliar a renda en ata 13 puntos cando quedaban case sete minutos por disputarse. Nese momento parou o cronómetro Mayte Méndez, moveu ficha, deu coa tecla en tarefas defensivas e as súas empezaron a calibrar para colocarse a dous puntos do empate a falta de minuto e medio para a conclusión (55-53).
Pediu tempo morto o técnico local, Ortega anotou un tiro libre para o Unicaja, Forster reduciu distancias en ata un punto (56-55) pero os pequenos erros á hora da verdade condenaron ao Arxil e perderon por 60-55.
Consulta as estatísticas nesta ligazón