Chega a hora da verdade para o Club Baloncesto Arxil, que afronta dende este sábado (19:30 horas) unha nova e ilusionante tempada en Liga Feminina 2.
O club pontevedrés mantén o bloque que o pasado curso quedou a un paso de clasificarse para o play-off de ascenso á máxima categoría, pero chegaron tres reforzos para fortalecer principalmente o xogo interior.
Así chegaron a pívot senegalesa Mimouna Diarra, a tamén xogadora interior Ana Román e a ala-pívot americana Fallon Lewis.
Baixo a dirección de Mayte Méndez e a colaboración de Milagros Sanmartín, Marita Janeiro e Cuco Rodríguez, o primeiro equipo estará composto polas seguintes xogadoras: Aldara Vázquez, Maimouna Diarra, Ana Román, María González, Ana Martín, Carla Fernández, María Quiroga, Jara Tuda, María Lago, Fany López, Cristina Díaz-Pache, Sandra Entenza e Fallon Lewis.
No primeiro partido de liga o Arxil recibirá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Araski de Vitoria, pechando un período de preparación no que afrontaron oito encontros, algún deles ante rivais da máxima categoría, nos que sumaron tres triunfos (Olivais, Cortegada e Celta).