O Arxil pon fin á súa semana máis especial viaxando ao País Vasco

Pontevedra
06 de marzo 2020

O conxunto pontevedrés, que esta semana realizou a presentación oficial de todos os seus equipos, enfrontarase este sábado a domicilio ao terceiro clasificado, o  GDKO Ibaizábal

Presentación dos equipos do Club Baloncesto Arxil de Pontevedra

O Club Baloncesto Arxil afronta a fin de semana unha dura saída ao País Vasco, concretamente á pista do terceiro clasificado do a Liga Feminina 2, o GDKO  Ibaizábal (sábado, 19:00 horas).

Será o colofón a unha intensa semana, que tivo unha cita destacada o xoves coa tradicional presentación de todos os equipos da entidade, celebrada no Centro  Galego de Tecnificación Deportiva da cidade.

Tras o orgullo de mostrar o poder a súa canteira, o primeiro equipo regresa á realidade ligueira buscando un triunfo que lle achegue matematicamente a unha permanencia que xa está encamiñada.

O hándicap do Arxil será a longa viaxe, que realizarán en autocar o mesmo día do encontro, mentres que "sobre o partido espero que sexa moi físico, contra un equipo que está en moi boa dinámica", recoñeceu Mayte Méndez.

A adestradora arxilista cre que "se somos capaces de controlar o rebote e levar o partido a un tenteo non moi alto teremos as nosas opcións. Serán os detalles e o acerto os que decanten o partido, como sucedeu no partido de Pontevedra".