O Arxil inicia as vacacións de Nadal co seu clásico torneo Cidade de Pontevedra

Pontevedra
19 de decembro 2022

O equipo sénior enfróntase este martes no CGTD ao Carmelitas de Primeira Nacional, mentres que os catro equipos da base xogarán o venres contra o Institutos Compostela

Partido entre CB Arxil e Maristas Coruña no CTGD Cristina Saiz

O Arxil inicia as vacacións de Nadal co bo sabor que deixa a vitoria conseguida no último partido do ano en Liga Feminina 2. Pero o parón na competición, non implica que se acabe o baloncesto porque o conxunto verde ten programado para esta semana a celebración da vixésimo sexta edición do clásico torneo Cidade de Pontevedra.

O torneo está dividido en dúas partes. Por unha banda, a categoría sénior está prevista para este martes ás 20.30 horas no CGTD. Nun encontro que enfrontará ao equipo de Liga Feminina 2 co Codigalco Carmelitas de Primeira Nacional.

A segunda parte da competición disputarase o venres 23 e dará protagonismo ás categorías inferiores do conxunto verde. 

Ás 17 horas da tarde comezarán os partidos. Subirán o pano as xogadoras de minibasquet nun partido contra o Institutos Compostela no Pavillón Universitario. Tomarán a substitución ás 18.45 as cadetes, que se enfrontarán ao mesmo rival no mesmo escenario.

Ás 20.30 horas está prevista unha dobre sesión. No Pavillón Universitario xogará o equipo júnior, mentres que no CGTD farano as infantís. O rival será tamén o Institutos Compostela.