O Arxil deixa atrás as vacacións e comeza a preparar unha ilusionante tempada

Pontevedra
31 de agosto 2016

O equipo verde iniciou este martes os adestramentos coa vista posta no debut ligueiro do 1 de outubro. Mayte Méndez non contará durante os primeiros días de pretempada coas súas dúas fichaxes estrela, a venezolana Waleska Pérez e a malí Minata Keita

Primeiro adestramento do Arxil 2015/2016 Diego Torrado

Acaba o mes de agosto e con el as vacacións do Club Baloncesto Arxil, que este martes volveu ao traballo pensando nunha nova tempada na Liga Feminina 2.

As verdes inician con ilusión o curso, no que esperan poder pelexar como hai dúas campañas polos postos altos da clasificación.

Mayte Méndez non poderá contar durante as primeiras sesións coas dúas fichaxes estrela do verán, a venezolana Waleska Pérez e a malí Minata Keita, pero si co groso do equipo.

A primeira sesión serviu para soltar a musculatura cunha hora de carreira pola zona da Illa das Esculturas, antes de regresar á pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

A primeira gran cita da pretempada chegará o 9 de setembro co debut na Copa Galicia ante o Cortegada. Unha competición, a Copa Galicia, que servirá de test ante o inicio da liga, previsto para o 1 de outubro no CGTD ante o Ensino lugués.