O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) foi escenario este luns do inicio da pretempada dun Club Baloncesto Arxil que mira cara á súa estrea nunha nova categoría, a Liga Feminina Challenge.
Unha preparación contra o reloxo para as pontevedresas, que contan con menos dun mes para poñerse en forma de cara á estrea ligueira do sábado 28 de setembro na casa fronte ao Leganés.
A volta ao traballo estivo dirixida Marita Janeiro, á fronte por primeira vez desde principio de curso do equipo arxilista acompañada de Magín Méndez e Milagros Sanmartín, un corpo técnico que preparou probas físicas para coñecer o estado do plantel.
Ademais do escaso tempo de preparación, o Arxil atoparase con outro hándicap durante o mes de setembro, e é que as canastras do CGTD serán trasladadas ao Pavillón Municipal para a celebración do Torneo EncestaRías, o que obrigará a axustar ao milímetro horarios para poder completar as sesións de adestramento.
No que respecta a a folla de ruta durante a preparación, o equipo pontevedrés contempla o seu primeiro encontro o día 12 de setembro fronte ao Baxi Ferrol (semifinais da Copa Galicia), outra fronte ao San Joannense portugués o 15 de setembro xunto a dous choques ante un mesmo rival de Liga Endesa os días 21 e 22.