O Arosa suma un traballado empate contra o Leganés B (2-2)

O Salnés
19 de decembro 2021

Traballado empate o logrado polo Arosa este domingo na Lomba contra o Leganés B. O conxunto arlequinado marcha de vacacións de Nadal con bo sabor de boca tras asentarse na parte media da táboa con 21 puntos

Partido entre Arosa e Leganés B na Lomba Arosa SC

Traballado empate o logrado polo Arosa este domingo na Lomba contra o Leganés B. O conxunto arlequinado marcha de vacacións de Nadal con bo sabor de boca tras asentarse na parte media da táboa con 21 puntos.

Comezou o partido cos xogadores tenteándose, evitando cometer erros e xogando a un ritmo alto. Iso si, as ocasións non chegaban.

Tentouno de forma illada Borona aos 10 de xogo, pero o seu disparo foise por encima da portería local. 5 minutos despois, Ofoli Quaye fixo o propio pero o seu cabezazo foi rozando o pau.

O Arosa, pola súa banda, atopábase cómodo e ben colocado no terreo de xogo, facendo unha presión tras perda moi efectiva coa que evitaba que o Leganés saíse con claridade.

Pasada a media hora de xogo, o Arosa fíxose dono do esférico, chegando con máis firmeza á área visitante e atopando opcións para facer dano, sobre todo desde o córner. Mentres, o filial achicaba buscando en longo aos seus dianteiros.

E de tanto insitir, chegou o gol do conxunto arlequinado no seu cuarto saque de esquina. Ross peiteou cara ao segundo pau e Lusmi, sen oposición, enviou o balón ao fondo da rede para adiantar ao seu equipo ao fío do descanso.

Despois do paso polos vestiarios o Leganés deu un paso adiante en busca do tanto do empate, tendo nas botas de Joserra, que sacou un potente disparo, a primeira ocasión clara da segunda metade. Cumpríanse os cinco minutos de xogo.

Seguiu tentándoo o filial, convertido nun equipo perigoso que poñía en aprietos ao gardameta arlequinado, que tivo que intervir tras un centro envelenado de Javi Rubio para manter a portería a cero.

E en menos de dous minutos os madrileños deron a volta ao partido. Primeiro, Ross cometeu unha falta perigosa ao bordo da área coa que ademais viu tarxeta amarela. Borona disparou, e Manu Táboas, que parecía que atallaba sen problemas, deixou o balón morto dentro da área. Alí estaba Cassio para enchufar ao interior da rede e igualar a contenda.

Acto seguido, unha vez que o Arosa sacou de centro, o Lega fíxose co esférico, e nun visto e non visto, Diego definiu de forma maxistral para anotar o 1-2, deixando xeada á afección arousá.

Tocaba remar ao contraxeito e deu coa tecla Jorge Otero, pedindo aos seus xogadores máis profundidade polas bandas coas subidas dos laterais. E foi Cotilla o que chegou ata o fondo da banda esquerda, desde onde sacou un centro ao segundo pau onde Luís Nuño, de primeiras, enchufó á escuadra da portería visitante para devolver as táboas ao marcador. 

Chegou a recta final e ambos os conxuntos buscaban o gol da vitoria. Tívoo Luismi nas súas botas tras roubar a carteira ao seu defensor cando se chegaba ao 87. O goleador local quedou só nun man a man co gardameta local pero o mal estado do terreo de xogo xogoulle unha mala pasada, tropezou e a xogada terminou.

Respondeu o Leganés ao momento cunha falta afastada de Mario Rivas, pero foise rozando o pau para fortuna dun Arosa que non deixou de tentalo ata o asubío final e que tivo nun pase da morte de Pedro Beda o posible gol co que sentenciar. Finalmente, 2-2 e reparto de puntos entre dous equipos que deron todo por facerse coa vitoria.