O arranque de liga non está a ir como esperaba o Arosa, acumulando a súa segunda derrota consecutiva sen anotar un só gol. A última este domingo contra o Viveiro, nun encontro no que tivo ocasións para empatar na segunda parte ao enviar dous remates á madeira.
Os xogadores de Michel Alonso non entraron ben ao partido, condenados polo mal estado do terreo de xogo que lles impedía facer o seu xogo e ser verticais en ataque. Con todo, pasaron a dominar e tiveron a ocasión de abrir o marcador antes da media hora de xogo cunha gran xogada entre Iñaki e Martín Diz, pero Ayoub tocou o xusto para evitar o tanto.
E cando mellor estaba o Arosa, chegou o 1-0. Germán Giammattei cabeceou un centro ao pau e cazou o rexeite para adiantar ao Viveiro ao fío do descanso.
Na segunda parte, Michel Alonso axitou o banco e os seus melloraron notablemente, con Iñaki estrelando un remate na escuadra e Felipe enviando outro disparo ao pau. A pesar do dominio nos minutos finais, a falta de acerto condenou ao equipo a unha nova derrota por 1-0.
Consulta a acta nesta ligazón