O Arosa retoma os adestramentos cun ollo no mercado e outro na pandemia

O Salnés
27 de decembro 2022

O equipo que dirixe Jorge Otero volve ao traballo esta tarde de luns en Vilaxoán cun test de antíxenos previo para todos os integrantes do primeiro equipo

Once inicial do Arosa fronte o Compostela na Lomba Arosa SC

En plenas datas do Nadal, o fútbol non dá tregua. Despois dunha semana de descanso, os equipos de 2ª RFEF volven ao traballo. Un dos máis madrugadores é o Arosa, que ten prevista para esta tarde, ás 16.30 horas no campo de Vilaxoán, a súa primeira sesión de adestramento para preparar o partido do 9 de xaneiro fronte ao Bergantiños en Carballo para pechar a primeira volta de competición.

Con todo, antes de saltar ao céspede todos os integrantes do primeiro equipo e do corpo técnico deberán someterse a unha proba de antíxenos para comprobar que non haxa  contagios despois do parón do Nadal en plena escalada da incidencia de casos de covid-19. 

Se todos están sans, poderán poñerse ás ordes de Jorge Otero, que someterá aos seus xogadores a outra proba igual de molesta: a báscula.

Pero non só a pandemia e o estado físico do plantel preocupa no Arosa. As lesións de longa duración sufridas ao longo da primeira volta, Álex Cobo e Róber, fan que a dirección deportiva, que encabeza o pontevedrés Rafa Sáez, permaneza moi atenta ás oportunidades que poida ofrecer o mercado. Con todo, o cadro arlequinado ten ocupadas todas as súas fichas sénior, polo que as chegadas quedarán supeditadas á saída dalgún dos xogadores con menos minutos ou á incorporación de xogadores  sub 23.

Reforzos cos que se conta para este regreso aos adestramentos son os de Porrúa e Campillo, que se perderon por lesión os últimos partidos do equipo.