O Arosa inicia a súa carreira polo play-off na casa contra o Polvorín o 25 de agosto

Pontevedra
23 de xullo 2019

A Federación Galega de Fútbol sorteou este luns os calendarios de Terceira e Preferente. A primeira xornada do grupo Sur depara un derbi arousán entre o Céltiga e o Ribadumia, mentres que o recentemente ascendido Pontevedra B recibirá ao Juventud Cambados

Partido entre o Arosa e o Choco na Lomba

A Federación Galega de Fútbol sorteou este luns os calendarios de Terceira División e dos dous grupos de Preferente. O azar quixo que o Arosa teña que debutar esta tempada en liga ante o seu público. Os de Rafa Sáez recibirán o 25 de agosto ao Polvorín e na xornada seguinte visitarán á U.D Ourense.

Esta tempada, o equipo arlequinado será o único representante da comarca arousá na cuarta categoría do fútbol español despois dos descensos a Preferente de Céltiga e Ribadumia. Os partidos máis interesantes e que marcarán as aspiracións de play-off do equipo de Vilagarcía chegarán, ademais do choque da segunda semana de competición, na xornada 11 a domicilio e na 30, en casa, contra o Choco e na 15 a domicilio e na 34, en casa, contra o Compostela. 

Pero as etapas máis duras agardan nas tres últimas semanas de competición, nas que o Arousa recibirá ao Bergantiños, visitará ao Deportivo Fabril e pechará o curso en casa ante o Rápido de Bouzas.

O grupo Sur de Preferente reúne este ano a unha ampla representación de clubs das comarcas de Pontevedra, Arousa, O Salnés e O Morrazo. O recentemente ascendido Pontevedra B debutará en casa contra o Juventud Cambados, o Beluso visita ao Cultural Areas e o Portonovo ao Barbadás. Mentres que o Xuventú Sanxenxo recibe ao Velle, mentres que Céltiga e Ribadumia mediranse na Illa no primeiro derbi arousán.O inicio da competición está previsto para o domingo 25 de agosto.

Podes consultar aquí o calendario completo de Preferente Sur e aquí o de Terceira.