O Arosa ficha a Fajardo e Ross do Arenteiro, recupera a Pillado e pesca ao xuvenil Piay

O Salnés
11 de agosto 2020

O equipo que adestra Rafa Sáez pecha os seus catro primeiros fichaxes despois de concluír o capítulo de renovacións e baixas

Fajardo, novo xogador do Arosa para o curso 2020/2021 Arosa SC

Rematado o capítulo de renovacións e baixas, o Arosa comeza a moverse no mercado de fichaxes para reforzar un persoal que a próxima tempada volverá tentar meterse entre os catro primeiros para optar ao ascenso a Segunda B. Este luns, o equipo que adestra Rafa Sáez fixo oficial a contratación de Martín Ross e Javier Piay, mentres que o pasado venres comunicara a fichaxe de Pablo Pillado e Jorge Fajardo.

Este último é un extremo esquerdo de 23 anos procedente do Arenteiro, onde destacou a pasada tempada. Antes pasara por equipos como o Ribadumia, o Alavés e o Boiro.

No mesmo caladoiro, pescaron os arousáns a Martín Ross. Un central zurdo capaz de desenvolverse con solvencia en varias posicións defensivas e mesmo como mediocampista de contención. O dominio do xogo aéreo é outra das fortalezas dun futbolista con pasado no Cultural Areas, Ourense CF, Rápido de Bouzas e As Pontes.

Máis coñecido para a afección arlequinada é Pablo Picallo, o mediocentro que xa vestido a camiseta do Arosa na tempada 2013/2014 regresa á que foi a súa casa. Defendeu tamén cores de Estremadura, Boiro, CD Ourense, Celta ou Céltiga.

Con menos experiencia na Terceira División que os outros fichaxes chega Javier Piay. Un prometedor defensor procedente da canteira do Celta, o curso pasado xogou en Divisón de Honra cos xuvenís celestes, que se desenvolve en todas as posiviones da liña defensiva. Destaca polo seu xogo aéreo e capacidade de anticipación.